O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, informou nunha visita ao CPI As Revoltas, que a Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e a renovación de parte das carpinterías deste centro educativo cun investimento de máis de 361.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia. A actuación ten un prazo de execución de tres meses.
O proxecto propón a substitución da cuberta existente de tella e metálicas dos volumes do colexio, por unha cuberta de sandwich de paneis metálicos. A actuación contempla tamén a substitución das carpinterías que quedan por renovar no edificio orixinal, as fiestras serán de PVC ao igual que as xa renovadas e as portas de aluminio.
Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.