A Xunta investirá 1,1 M€ na reabilitación integral do Colexio O Areal de Camariñas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este xoves o Colexio O Areal, en Camariñas, para presentar o proxecto de rehabilitación integral do centro, no que a Xunta investirá máis de 1,1 M€. A obra licitouse o pasado venres, no marco do paquete das primeiras 16 obras que vai executar a Xunta en centros educativos este ano, por máis de 16 M€, e conta cun prazo de execución de nove meses desde o inicio dos traballos.

O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a intervención ten como obxectivo renovar por completo a envolvente do centro. “Deste xeito, mellorarase tanto o confort térmico da comunidade educativa no seu día a día como a eficiencia enerxética das instalacións, que é un dos obxectivos prioritarios do Plan de nova arquitectura pedagóxica, no que se enmarca a obra”, sinalou.

Para isto, o programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sandwich con illamento térmico, dun  total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas. Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras  exteriores e 69 portas que aínda non foran aínda renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.

No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias.  

A intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.

Related posts

O Concello de Malpica remata a reforma realizada nas Escolas Vellas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, en Buño

Carmen V. Valiña protagonista da última sesión do clube de lectura do IES Maximino Romero de Lema de Baio

O Concello de Malpica dá a coñecer os gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal 2025