A Xunta investirá máis de 153.000 € na mellora de tres parques empresariais na Coruña


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta apoiará, este ano, a tres polígonos industriais da comarca da Coruña cun investimento de máis de 153.000 euros, para a mellora das súas  infraestruturas o que favorecerá un investimento total de máis de 323.000 euros. Trenor destacou que a través deste apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais de Coirós en Pedrapartida, Cambre en Espíritu Santo e Oleiros no parque empresarial de Icaria. Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25% da axuda concedida.