A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou este mércores a praza de San Roque, mellorada ao abeiro do Plan Hurbe, xunto ás prazas de San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada.
Nestes espazos leváronse a cabo diversas intervencións para unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade, como destacou a conselleira, que puxo en valor a colaboración entre administracións para abordar estas actuacións de recuperación e transformación do espazo público ao abeiro dun urbanismo sostible, “para poder mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
Allegue subliñou a mellora acadada nestes espazos de Coristanco a través do Plan Hurbe, destacando que estes lugares renovados se converten “en novos puntos de encontro da veciñanza e axudan tamén a atraer e asentar poboación, ao mellorar e modernizar as nosas vilas”.
A través do convenio asinado entre Xunta e Concello, a Administración autonómica aportou o 70% do investimento total, máis de 300.000€, ademais de licitar e contratar as obras, mentres que a Administración local asumiu o 30% restante e elaborou o proxecto.
Na rúa e na praza de San Roque, a intervención permitiu dar un mellor acceso desde o centro do pobo, coa ampliación de beirarrúas no inicio da rúa. Ademais, dotouse de iluminación á zona, unificáronse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras. Tamén se regularizou o acceso á área de xogos e delimitouse a zona de aparcamentos e a dun carril bici.
Por outra banda, as obras desenvolvidas na praza de San Antonio permitiron unificar o pavimento da praza, substituíndo baldosas danadas. Ademais, recolocáronse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza.
No que atinxe á praza do Cruceiro, abordouse unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. Así mesmo, plantáronse árbores, dotouse de nova iluminación e creouse unha zona de aparcamento.