A Xunta invita á ministra Reyes Maroto a vir a Galicia a presentar o Plan Nacional do Xacobeo

1 minutes read

O vicepresidente primeiro invitou á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, a visitar Galicia e a presentar o Plan Nacional do Xacobeo comprometido polo Goberno estatal para financiar o Ano Santo 2021 e a súa ampliación ao 2022.

A Xunta conseguiu hai unhas semanas do secretario do Estado de Turismo, Fernando Valdés, o compromiso de que o Goberno presentará antes do verán o Plan Nacional do Xacobeo, para o que non hai aínda unha consignación orzamentaria. Tendo en conta a situación na que se atopa o sector turístico pola pandemia e o revulsivo que pode supoñer esa cita para a súa recuperación, o vicepresidente primeiro animou á ministra a implicarse cun evento de ámbito internacional e a dar a coñecer o plan na meta de todos os camiños xacobeos, en Santiago de Compostela.

Alfonso Rueda trasladou a invitación á ministra no seo da Conferencia Sectorial de Turismo celebrada entre representantes do Goberno estatal e das comunidades autónomas para tratar, entre outras cuestións, medidas de apoio ao sector para mitigar o impacto da crise económica.