A Xunta invita aos concellos da Costa da Morte a coñecer as axudas en materia de vivenda


Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 2 de maio, ás 10,30 horas, no auditorio municipal de Cabana de Bergantiños, e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

Trátase do cuarto encontro que se celebra na provincia da Coruña e o oitavo na Comunidade. Está aberto ao público en xeral e están convocados representantes dos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, xa que por Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía discorre un dos itinerarios oficiais da ruta xacobea. Asemade, Corcubión é o único concello que conta con centro histórico declarado, polo que pode beneficiarse dos incentivos para a compra de inmobles neste ámbitos concretos.