A Xunta lanza a campaña ‘Galicia Sabe Amar’ para impulsar o consumo de produtos do mar

1 minutes read

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentaron unha nova campaña para a promoción dos produtos do mar co obxectivo de impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía. Esta acción, denominada GALICIA SABE AMAR, incide na importancia de comer peixes e mariscos e na gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.

Esta nova campaña está pensada e deseñada para chegar ao conxunto da cidadanía a través dos medios de comunicación convencionais e tamén das redes sociais. O obxectivo é incidir na importancia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable así como que mercar peixes e mariscos é unha decisión intelixente e algo que forma parte da identidade dos galegos.

O acto de presentación de GALICIA, SABE AMAR contou coa participación dos responsables do deseño da campaña e estivo conducido polo actor e humorista galego David Amor. Ao evento acudiron distintos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro, da industria de transformación de produtos do mar e das principais empresas de distribución alimentaria da comunidade.