A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar o contrato para executar as obras de acondicionamento e rehabilitación da ponte de pedra sobre o río Grande ao seu paso por Baio, no concello de Zas, por un importe de preto de 328.000 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 27 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte da estrada autonómica AC-552, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande. Ademais, a intervención porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río como os treitos de acceso á ponte.
Esta actuación, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, terá un prazo de execución de 4 meses
Os traballos centraranse na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.
Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3,00 m de ancho, beiravías de 0,25 m ou beirarrúas de 2,10 m de anchura.
O proxecto inclúe a disposición de pavimentos diferenciados para a zona de vehículos e para as beirarrúas no tramo sobre a ponte fronte aos utilizados fóra da zona da citada infraestrutura.