A Xunta licita as obras de construción da nova planta de transferencia de Ponteceso

Punto limpio en Tella, Ponteceso

A Xunta de Galicia licitou por case 1,3 millóns de euros as obras de construción da nova planta de transferencia de Ponteceso. A plataforma autonómica de contratos públicos publicou este contrato da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), ao que se poden presentar ofertas ata o 27 de agosto.

Esta futura planta virá substituír á actual microplanta, localizada nas inmediacións do parque empresarial de Tella, co obxectivo de dotala de maior capacidade, prestacións e eficiencia. A previsión é que estea operativa en setembro de 2022.

A licitación contempla a redacción do proxecto de execución e actividade; o deseño, construción, subministración e posta en marcha da planta; e a xestión integral do proxecto, que se desenvolverá baixo o concepto de chave en man.

Na actualidade, esta instalación unicamente está a transvasar a bolsa negra (fracción non reciclable recollida a través do contedor verde xenérico); polo que a nova planta poderá transferir a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo) e, así mesmo, a materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, de cor marrón.

A fin de levar a cabo esta tripla función, a infraestrutura situarase nunha parcela de 5.235 m2 e contará co equipamento necesario para levar a cabo a súa actividade coas máximas garantías: báscula, compactador fixo, sistema de translación de contedores, dimensionado para dous, aparcadoiro de contedores, edificio de oficina, vestiario e almacén. Ademais de todo isto, servirase de paneis solares para o seu propio autoconsumo, fomentando desta forma as enerxías renovables.

Terá capacidade para transferir 12.500 toneladas anuais de residuos urbanos e inicialmente dará servizo a catro municipios: Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños e Laxe, que aglutinan unha poboación superior a 18.000 habitantes. Non obstante, poderán facer uso da mesma outras localidades próximas, como Camariñas ou Vimianzo.