A Xunta licita as obras de mellora hidráulica no río Anllóns ao seu paso pola Cepeira, en Carballo

2 minutes read

A Xunta licitou este venres por máis de 1,2 M€ as obras de mellora no río Anllóns, ao paso pola Cepeira, en Sísamo, no concello de Carballo, para reducir o risco de inundacións.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a contratación desta actuación, establecendo un prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 12 de maio.

A actuación, cun prazo de execución de 7 meses, consiste na mellora hidráulica do río na zona de Sísamo, concretamente na contorna do enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552.

Estes traballos enmárcanse no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

As accións prioritarias son estas obras licitadas hoxe na zona da Cepeira; as tamén contratadas esta semana para a remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol; a remodelación integral do parque San Martiño; a reforma da ponte sita na rúa Fomento, coa remodelación do leito e motas de contención augas abaixo da ponte; e a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto.

As actuacións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no convenio, a Xunta é a encargada da redacción dos proxectos e de executar as obras correspondentes ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes; así como a obriga de recibir as actuacións e levar a cabo o seu mantemento e conservación.