A Xunta licita as obras de remodelación integral do parque do San Martiño de Carballo

Cedida.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou este mércores a licitación por máis de 366.0000 euros das obras de remodelación do parque do San Martiño de Carballo, que están incluídas no Plan de xestión do risco de inundacións do río Anllóns. O prazo que teñen agora as empresas para presentar as súas ofertas remata o 18 de agosto.

Esta é unha das actuacións que levará a cabo a Xunta para reducir o risco de asolagamento no río Anllóns ao seu paso polo municipio coruñés, deseñadas todas elas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para esta área,  declarada de risco potencial significativo.

O obxectivo deste traballo é a construción de motas de protección fronte ás avenidas na contorna do parque San Martiño.

Deste xeito, realizaranse actuacións en tres zonas diferenciadas: a primeira, augas abaixo da ponte de Cálea Sol; a segunda no propio parque de San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e a terceira, entre o parque de San Martiño -ponte da rúa Iglesia- e a ponte Aforo.

Convenio de colaboración

A intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que dirixe Ethel Vázquez e o Concello de Carballo, que prevé un investimento autonómico global de 3 millóns de euros.

Este acordo establece que o Concello de Carballo debe pór á disposición os terreos e a Xunta, ademais da identificación das actuacións necesarias, elabora os anteproxectos, os proxectos construtivos e leva a cabo a execución das obras.

No citado convenio inclúense diferentes actuacións, estando xa licitada a construción dunha canle de desaugadoiro do río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto.

As outras actuacións correspóndense cos proxectos de demolición dunha edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a remodelación da ponte da rúa Fomento, con motas de contención augas abaixo; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.

A Xunta segue traballando para continuar coa contratación de todos estes proxectos construtivos e das obras, que deben estar completamente rematadas en 2023.

Plan de xestión específico do risco de inundacións do río Anllóns

Estas medidas enmárcanse no Plan de xestión específico do risco de inundacións para o río Anllóns en Carballo, que recolle unha serie de actuacións, paliativas e preventivas, de aplicación por Augas de Galicia e o Concello.

Todas as intervencións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

As accións de prevención van encamiñadas ao mantemento do leito, a unha axeitada ordenación urbanística ou, por exemplo, a instalar un novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do río Anllóns e dunha estación de aforo para medir os caudais.

As medidas de recuperación e revisión tras as inundacións diríxense a longo prazo.

Neste caso, o desenvolvemento do Plan de Actuación Municipal fronte a inundacións resulta fundamental, cos protocolos que teña definido para a recuperación tras unha enchente. Tamén resulta necesario informar e promover entre os particulares a contratación de seguros de protección fronte a inundacións no ámbito do Anllóns.

As obras previstas no convenio serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.