A Xunta licita os traballos de humanización da estrada AC-421 ao seu paso por Agualada, en Coristanco

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de humanización da estrada AC-421 ao seu paso por Agualada, no concello de Coristanco, por un importe de case 855.000 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, deu conta este venres desta licitación durante unha visita ao ámbito da actuación.

As empresas interesadas en desenvolver esta intervención teñen de prazo ata o vindeiro 16 de decembro como data límite para a presentación de ofertas, segundo se recolle na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. O investimento total previsto supera os 876.000 euros, incluíndo nesta contía a reposición dos servizos que se vexan afectados e os controis de calidade.

Os traballos, que unha vez adxudicados, terán un prazo de 12 meses, permitirán dar máis espazo aos peóns, mellorar a conexión das vivendas coa localidade e facer máis seguros os desprazamentos diarios.

A intervención abrangue aproximadamente os primeiros 135 metros desta estrada autonómica, desde a súa a intersección coa AC-552. Estes incluirán a ampliación de beirrarrúas, a reorganización das zonas de aparcamento, a renovación dos pavimentos, a mellora da iluminación pública, a adaptación dos pasos peonís para facilitar a accesibilidade e a renovación dos servizos, coa separación das redes de augas pluviais e residuais.

Novo itinerario peonil

Así mesmo, construirase unha senda peonil duns 62O metros pola marxe dereita da estrada, desde o final da travesía ata aproximadamente o punto quilométrico 0+755, que incluirá a construción dunha pasarela peonil de madeira sobre o río Calvar. Esta senda permitirá conectar as vivendas dispersas co núcleo de Agualada, evitar que os peóns teñan que camiñar pola calzada e favorecer os desprazamentos cotiáns sen necesidade de utilizar o coche.