A Xunta licita por case 2 M€ a remodelación da ponte na rúa Fomento de Carballo

2 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por 1.949.461 euros a obra de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo, que inclúe a transformación da canle e motas de contención augas abaixo desta ponte, para reducir o risco de inundación no río Anllóns, ao seu paso polo municipio coruñés.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación desta actuación, establecendo un prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de maio.

A actuación licitada, cun prazo de execución de 8 meses, permitirá intervir na zona da ponte onde se produce un estreitamento do leito do río Anllóns, sendo esa, pola súa escasa capacidade de desaugue, unha das zonas más inundables no casco urbano de Carballo en época de enchentes.

Os traballos que se contratan inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo. Tamén se prevé a demolición dunha edificación augas arriba da ponte e dunha escaleira situada augas arriba.

En concreto, demolerase a ponte que conecta a rúa Fomento e a avenida Fisterre, co fin de ampliar a sección do leito e demolerase tamén un edificio sito na rúa Fomento anexo ao leito.

Executarase unha nova ponte mediante 8 vigas de formigón prensado dobre de máis de 22 metros de lonxitude e anchura de algo máis de 4 metros, dividida en dous carrís e dúas beirarrúas. A estrutura permitirá o paso inferior dunha senda a ambas marxes inundables no caso de crecidas.

Proxéctase a apertura do leito aumentando a sección dispoñible, nunha lonxitude de 121 metros na marxe dereita e 158 metros no esquerdo, e elevando a cota de rebosamento mediante un muro-bancada. O sostemento dos noiros realizarase mediante muros de dique executados reutilizando parte do material existente.

As obras obxecto deste contrato inclúen a repavimentación da senda adxacente ao leito por ambas as marxes, e dotarase o acceso á senda dende a rúa Fomento e a avenida Fisterra mediante ramplas a cada lado do leito.

Este contrato forma parte das actuacións do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.