A Xunta licitará este mes obra pública por máis de 152 M€


Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha reunión que mantivo co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e os responsables das distintas asociacións provinciais.

A conselleira fixo fincapé nos investimentos dirixidos á mellora da calidade de vida das persoas, cunha previsión de máis de 78 millóns de euros en infraestruturas sanitarias que vai xestionar a Consellería de Infraestruturas.

Citou actuacións estratéxicas como o impulso do Hospital de Montecelo, o Centro Integral de Saúde de Lalín, que se licitarán nos vindeiros días, ou a execución do Novo CHUAC.

Sumou ás instalacións sanitarias, as obras para continuar vertebrando o territorio, cunha partida de preto de 40 millóns de euros destinada á continuación de vías de altas prestacións como a Vía Ártabra, Tui-A Guarda, Nadela-Sarria, Costa da Morte, Costa Norte, ou AG-59.

Tamén destacou o obxectivo de acadar un crecemento verde e sostible, mediante o impulso do transporte público coas estacións intermodais ou coa mellora da xestión do saneamento, depuración e abastecemento de auga.

Puxo en valor estes orzamentos como unha oportunidade única de contribuír á imprescindible reactivación e dinamización da economía e do emprego. Para isto, solicitou a colaboración do sector galego da construción á hora de axilizar a execución dos proxectos e das obras públicas.