A Xunta limita a apertura de salóns de xogo e tendas de apostas

A partir deste xoves non se poden abrir máis casas de apostas nin salóns de xogo en Galicia. A Xunta regula o sector cunha nova normativa que impedirá a apertura de novos establecementos deste tipo. Galicia queda así cunha ratio dunha casa de apostas por cada 17.000 habitantes, moi por debaixo doutras comunidades.

En Galicia hai agora mesmo 118 salóns de xogo e 41 locais de apostas deportivas, contando algúns que aínda non funcionan, pero que están en tramitación. E esa é a cifra que vai quedar como definitiva, porque a Xunta vai limitar a apertura de novos locais. O Goberno galego aproba este xoves a nova regulación que lle pon couto ao sector. O vicepresidente da Xunta dixo que, “temos que ter un xogo regulado e unha regulación fundamental é limitalo, que non haxa unha apertura indiscriminada de salóns de xogo. Con esta limitación, Galicia estaría nun ratio dun salón de xogo por cada 17.000 habitantes, cando hai comunidades que teñen 1 por cada catro mil persoas”

A Comisión do Xogo de Galicia apoia esta medida. Fóra das súas competencias, a Xunta considera urxente modificar tamén a regulación das apostas online, algo que lle corresponde ao Goberno central.