A Xunta Local de Seguridade constata que A Laracha é un Concello seguro

Reunión da Xunta Local de Seguridade da Laracha_Cedida.

  • A Subdelegación do Goberno eloxiou o labor do Concello contra a violencia de xénero.
  • O alcalde mostrou a súa preocupación polo número de baixas que presenta o cuartel local da Garda Civil.

Este mércores celebrouse no Concello da Laracha unha reunión da Xunta Local de Seguridade, sesión que estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo. Tamén asistiron a xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno –María Isabel Álvarez-, a vicesecretaria da Delegación do Goberno –Eva Vázquez-, o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña –Fernando Pedreira-, o cabo primeiro e comandante do posto da Garda Civil da Laracha –Sergio García-, o xefe da Policía Autonómica na Coruña –Antonio Nieto-, o xefe da Policía Local da Laracha –Víctor Vilanova- e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha –Ana Aldao-.

A principal conclusión da xuntanza foi constatar que A Laracha é un Concello seguro. Iso reflicten os datos oficiais expostos, que indican que o índice de criminalidade no termo municipal no ano 2019 (21,59 delitos por cada mil habitantes) é sensiblemente inferior á media provincial (31). Ademais, a previsión para o ano actual é que ese índice caia na Laracha por debaixo dos 17 debido, en gran parte, ao descenso de delitos rexistrado durante o confinamento (22% no Concello), que tamén mellora notablemente á media estatal durante ese período (13% menos no conxunto de España). Ademais, en 2019 na Laracha incrementouse nun 12% os casos esclarecidos e triplicouse o número de persoas detidas.

O alcalde e a subdelegada do Goberno aproveitaron a ocasión para felicitar ás forzas e corpos de seguridade pola resposta aos sucesos acontecidos nas últimas semanas que afectaron a determinados locais comerciais, especialmente aos hostaleiros, e que concluíron coa detención dos responsables dos actos delitivos. Tendo iso en conta, e tamén os datos expostos, os representantes de todos os organismos e institucións presentes na Xunta Local de Seguridade transmitiron unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía larachesa.

Non obstante, o alcalde deixou constancia da súa preocupación polo número de baixas que presenta o cuartel da Garda Civil da Laracha e expresou a necesidade de cubrilas na súa totalidade e mesmo de ampliar o número de prazas vinculadas ao posto.

Violencia de xénero

Ademais, avaliouse o traballo desenvolvido pola Policía Local no seguimento de casos de violencia de xénero despois de que en xullo do ano pasado se acordase a súa incorporación ao sistema VIOGEN. Desde a unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno cualificouse como moi positivo o esforzo do corpo de seguridade municipal e eloxiouse o labor que nesa materia realiza o Concello da Laracha.

Neste sentido, a directora do CIM informou que debido á crise sanitaria da Covid-19 tiveron que aprazarse as reunións trimestrais das mesas de colaboración interinstitucional contra a violencia de xénero e por iso non se celebraron as previstas no mes de maio. Volveranse convocar ao longo do mes de outubro.

Recoñecemento

Por último, acordouse entre todos os presentes realizar un recoñecemento a Celestino Gago, o xefe do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil polo rescate dun neno na praia de Caión que fixo o pasado mes de xuño estando nese momento fóra de servizo.