A Xunta manterá en 2024 a rebaixa en patrimonio que só beneficia as grandes fortunas

2 minutes read

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou este mércores que os orzamentos da Xunta de Galicia para 20024 «consolidarán» as rebaixas fiscais que están «en vigor» na actualidade, como a diminución a 50% do imposto de patrimonio para as rendas máis altas. Unha medida que beneficiou 7.700 ricos en Galicia, aos que aforrou ao redor de 40 millóns de euros de impostos.

A política fiscal do Goberno galego centrou as dúas interpelacións que levaron ao pleno do Parlamento deste mércores as deputadas Noa Presas (BNG) e Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG). Ambas as dúas foron críticas coa forma de xestionar as tributacións que dependen da Administración galega, que ven enfocadas a «favorecer» as rendas máis altas mentres «aumenta o número de galegos» con dificultades para chegar a fin de mes. Para Presas, a política fiscal do Goberno galego é «insolidaria» e «inxusta» porque favorece «a quen máis ten». Rumbo, pola súa parte, cualificou de «márketing fiscal» a política impositiva da Xunta. Corgos defendeu as «rebaixas fiscais» da Xunta.

A deputada nacionalista, que enfocou a súa interpelación na «ausencia» de medidas por parte da Xunta para apoiar aos galegos que máis padecen o contexto inflacionista, denunciou que o Executivo autonómico é «insolidario» e «inxusto» porque favorece «a quen máis ten», ademais de ser «incapaz» de anticiparse aos problemas.

O imposto sobre o patrimonio está considerado o tributo por excelencia para gravar a riqueza. Afecta as persoas contribuíntes con bens por un valor superior a 700.000 euros, excluíndo a vivenda habitual até 300.000 euros, aínda que nalgúns territorios estas cifras mudan lixeiramente. Grava o patrimonio neto das persoas físicas, isto é, o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que o contribuínte é titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais polas que deba responder.