A Xunta mellorará 32 paradas de autobús na AC-552, na Laracha, Arteixo e Carballo

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse ata a estrada a AC-552, ao seu paso polo lugar de Cancelo de Arriba, no municipio da Laracha, para explicar o novo Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, que suporá actuar nun total de 1.105 paradas de autobús en toda Galicia. O obxectivo é reforzar a seguridade, mellorar o equipamento das paradas de autobús e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na súa contorna, “sabendo que as paradas son o primeiro elemento de contacto entre o usuario e o transporte público”, subliñou a conselleira.

Estas actuacións de mellora da seguridade e da accesibilidade comezan precisamente por activar o investimento de 1,3 M€ nas obras que ahora se licitan, para mellorar 32 paradas na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo. As empresas interesadas na execución dos traballos teñen de prazo ata o vindeiro 9 de decembro para presentar as súas ofertas.

A partir de aí, e dado que neste caso non son necesarias expropiacións, o obxectivo é iniciar os traballos de mellora destas 32 paradas na AC-552 na primavera, cun prazo de execución de 12 meses. A maioría das actuacións, un total de 18, executaranse no treito da estrada AC-552 ao seu paso polo termo municipal da Laracha.

Estas actuacións incluirán, o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús; a mellora da accesibilidade; a pavimentación da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.