A Xunta non aprecia un efecto chamada na plantación de eucaliptos

1 minutes read

A Xunta non detectou un “efecto chamada” con respecto á plantación de eucaliptos tralo anuncio da suspensión temporal de novas plantacións desta especie naquelas superficies onde non os había. En resposta a unha interpelación sobre este asunto, o conselleiro do Medio Rural, José González, matizou no Parlamento que, en todo caso, a tempada de primavera é a “época ordinaria para realizar plantacións” e que polo tanto resulta “evidente que estas se produzan” arestora. De feito, engadiu, cada ano córtanse arredor de 20.000 hectáreas de eucalipto en Galicia e lembrou que a covid-19 limitou as plantacións no tempo do confinamento do ano pasado.

O titular de Medio Rural advertiu ademais que a Xunta está vixilante diante de posibles incumprimentos da normativa sobre a materia e, neste sentido, trasladou que entre 2016 e 2020 tramitáronse nos servizos xurídicos máis de 1.700 expedientes sancionadores en relación coa actividade forestal, e máis de 7.400 apercibimentos. Na mesma liña, anunciou que este labor vaise reforzar, xa que “unha vez entre en vigor a devandita Lei de recuperación, poñerase en marcha un plan especial de control de novas plantacións que asegure o cumprimento da suspensión temporal aprobada”.