Será no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións organízanse en colaboración cos concellos de Carballo, Cee, Muros e Vimianzo, integrantes da Rede. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar en Cultura de Galicia e no web da Axencia Galega das Industrias Culturais.
O Pazo da Cultura de Carballo acolle sete exhibicións nas que se inclúen obras de teatro e de danza. A programación prevista comeza o 26 de marzo con O premio, de La Quintana Teatro, unha comedia sobre a situación que viviremos nun futuro próximo derivada do progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social.
A danza será a protagonista das funcións previstas para abril, coas coproducións co Centro Coreográfico Galego Emigrantas, de Kirenia Danza, o día 9; e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada e a compañía Traspediante, o 16. Ademais, neste mes exhibirase Nina Ninette, de Paula Quintas, tamén de Traspediante, o 18; e After the party, de Thomas Noone Dance, o 23. Xa en maio, o día 8, exhibirase Bernarda, de Malasombra Producións, e o día 9 Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas, dirixida a público familiar.
Funcións en Cee e Vimianzo
Cee tamén arranca o circuíto en marzo, con 32m2, de ButacaZero, o día 27, un enredo sobre o confinamento, cheo de poética e un humor tan absurdo como popular, co que todo o público poderá sentirse identificado. Xa o 24 de abril representarase a función de novo circo para público familiar The Show Moscón, de Galitoon; e o 15 de maio A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro. O auditorio da Casa da Cultura acolle as representacións.
Finalmente, Vimianzo exhibirá no Auditorio da Casa da Cultura Conexión Pingüín, de Culturactiva, o 17 de abril, unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación, a través de dous tempos e dúas voces. Por unha banda, a peza trasladará o público ao ano 1923, nunha famosa expedición ao polo sur magnético, e, por outra, a unha conferencia formal que case un século despois rememora aquela fazaña.