A Xunta ofrece máis de 335.000 metros de solo empresarial bonificado na provincia da Coruña

1 minutes read

A Xunta de Galicia pon á disposición das empresas galegas ou daquelas interesadas en asentarse na Comunidade un total de 892.927,65 metros cadrados de parcelas urbanizadas en 37 parques propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e de Xestur. Deste total, 335.480,5 metros cadrados correspóndense con polígonos localizados na provincia da Coruña onde o tecido empresarial poderá acceder a esta superficie a prezos bonificados.

Con este fin, a empresa pública Xestur abriu este martes, o prazo para a presentación de ofertas ao concurso público de adxudicación de solo a prezos bonificados nos polígonos que están baixo a súa titularidade. As ofertas poderán presentarse ata o vindeiro 14 de marzo.

En total, sacaranse á venda 215 parcelas en toda Galicia que suman 517.720 metros cadrados, aos que ao longo de 2023 se unirán outros 86.521 metros correspondentes á ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, actualmente en desenvolvemento.

Pola súa parte, o IGVS ofrece a 288.686,96 metros cadrados de parcelas, que se adxudicarán segundo o establecido nas bases do concurso vixente. No caso do IGVS as parcelas poderán solicitarse en calquera momento.

Todas as parcelas que ofrece a Xunta, tanto as promovidas polo IGVS como por Xestur, véndense a prezo bonificado, con descontos do 50% nas provincias de Lugo e Ourense, Ferrolterra, Costa da Morte e fronteira portuguesa, e do 30% nos parques restantes.

Ademais da adxudicación en compravenda existe tamén a posibilidade de acceder ao solo en dereito de superficie, pagando un reducido canon anual (1,5% do prezo os dous primeiros anos), en alugueiro e en compravenda con pago aprazado.

Na provincia da Coruña o concurso convocado hoxe por Xestur inclúe 217 parcelas cunha superficie total de 274.961,50 metros cadrados.