A Xunta organiza en Mazaricos un curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolverá o vindeiro venres 6 de agosto un curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos dirixido ao sector da castaña. A acción formativa celebrarase no local social de Lugarnovo, en horario de 16:30 a 20:30 horas.

O programa abordará diversos conceptos como a comercialización, a gama de produtos, os circuítos de venda, a industrialización ou os mercados, así como os modelos de xestión, as variedades priorizadas, as pragas ou os programas de loita.

Deste xeito, o obxectivo principal deste curso sería informar do que se está facendo no sector para que os produtores de castaña orienten as plantacións aos distintos mercados e poidan facer fronte ás actuais doenzas do castiñeiro.

Os interesados en anotarse ao curso poderán poñerse en contacto co departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal, a través do teléfono 881 99 72 79 ou do enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.