A Xunta participa na I Feira do Emprego e a Formación de Carballo


A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou este mércores a I Feira do Emprego e a Formación de Carballo, onde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade participa cun stand de información sobre a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego posta en marcha pola Xunta, que contará con 12 centros distribuídos por toda Galicia para avaliar as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios onde se radican. Trátase dunha nova forma de emprender baseada no acompañamento ás persoas que queren desenvolver un proxecto empresarial.

Ata a data están en funcionamento os polos de Verín (Ourense Centro e Sur) e de Silleda (Pontevedra Norte e Rías Baixas), aos que se unirá proximamente o de Coristanco que prestará servizo á Costa da Morte. A Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia forma parte da nova estratexia de Emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo.