A veciñanza de Laxe viviu este sábado unha xornada marabillosa coa celebración da I Xuntanza do Maior, unha cita moi agardada que se converteu nun auténtico espectáculo de convivencia, alegría e bo ambiente.
As persoas asistentes desfrutaron dun xantar excepcional, no que non faltou detalle ningún. Como gran sorpresa, o menú incluíu tamén polbo, que foi moi aplaudido por todas e todos . A comida foi, sen dúbida, un dos grandes protagonistas do día, acompañada dun ambiente inmellorable.
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, tamén participou nesta Xuntanza do Maior que organiza o concello de Laxe. O encontro contou coa presenza de decenas de persoas que aproveitaron a fin de semana para pasar esta xornada de lecer en compañía.
Deste xeito, Perfecto Rodríguez agradeceu a invitación a este festexo e felicitou ao concello por impulsar esta homenaxe aos maiores e por compartir unha filosofía que aposta polo benestar e o envellecemento activo, promovendo actividades de ocio e fomentando a socialización da veciñanza.
O alcalde de Laxe, Paco Charlín, quixo agradecer a asistencia de todas as persoas convidadas, así como a presenza da Corporación municipal, do grupo de goberno e de todas as autoridades que acompañaron este día. Un agradecemento moi especial foi tamén para a Xunta de Galicia, pola súa implicación e apoio.