A Xunta pecha a hostalería e as actividades non esenciais en 60 concellos durante un mes

  • O presidente da Xunta asegurou que estas novas restricións foron adoptadas para «tentar evitar un confinamento domiciliario»

Bares, restaurante e actividades non esenciais pecharán en 60 concellos de Galicia durante un mes. Así o anunciou este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia para explicar as medidas tomadas polo comité clínico que entrarán en vigor a partir das 00:00 horas do sábado (en principio estaban previstas para o venres ás 15:00 horas). Medidas, asegurou o presidente, que foron adoptadas para «tentar evitar un confinamento domiciliario».

Intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Estas novas restricións afectarán a diversos concellos, entre os cales se atopan as sete grandes cidades galegas que actualmente xa contan con restricións perimetrais. Deste xeito, as cidades e zonas que terán maiores restricións serán: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

Tamén se acollen a estas limitacións 17 localidades máis pequenas que presentan altos índices de contaxios como son Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Cales son as novas restricións?

En todas as zonas anteriomente mencionadas estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, ou acudir a centros sanitarios. Ademais, o comercio seguirá funcionando cos mesmos criterios do resto de Galicia.

A peor parte lévaa a hostalería: bares e restaurantes deberán pechar e só poderán ofrecer o servizo de comida a domicilio ou para recollida. A práctica deportiva queda restrinxida a deporte individual e reducirase o aforo nun 50% nos establecementos culturais.

No relativo á mobilidade tamén haberá restricións, quedando prohibido entrar ou saír das áreas afectadas agás por razóns laborais e actividades esenciais. Ademais, Feijóo destacou que se reducirá o aforo no transporte público non escolar en todo o territorio galego.

“Toca ampliar as limitacións pola nosa saúde e pola saúde dos nosos. Pero tamén toca facelo pola economía, porque canto máis se tarde en actuar, máis difícil e longa será a contención e máis profunda, por tanto, a afectación económica”, subliñou.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha