A Xunta permitirá a ampliación do parque empresarial da Laracha

1 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde, José Manuel López Varela, reuniuse con empresarios do polígono industrial, aos que lles trasladou que en virtude da segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, que impulsa o Instituto Galego da Vivenda e Solo, permitirase ampliar esta zona empresarial nun 40%.

Grazas ao traballo de planificación que realiza a Xunta con este instrumento, na actualidade en avaliación ambiental estratéxica, esta área de 825.249 m2 pasará a ter máis de 1 millón de metros cadrados, cos que dar resposta ás necesidades dos diferentes sectores.

A conselleira indicou que esta non é a única medida para fomentar a implantación de empresas no parque da Laracha, pois o Consello da Xunta acaba de aprobar unha modificación do proxecto sectorial deste parque para facilitar a implantación de empresas, ao regular as alturas máximas das edificacións en determinadas ordenanzas e ao admitir e regular o uso de instalacións de enerxía renovable para o autoconsumo.

Esta modificación, indicou, xa está inscrita no Rexistro de ordenación do territorio e planeamento urbanístico de Galicia e remitida ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación, o último trámite para que entre en vigor.