A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, lamenta que o Goberno do Estado aínda non respondese ás demandas de Galicia sobre a retirada do artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático e pediu axilidade e claridade ao Executivo central sobre unha cuestión que pon en risco o futuro de máis dun cento de empresas e milleiros de edificacións que se atopan próximas ao mar. A representante da Xunta incidiu en que a Administración galega e o sector non van deixar de denunciar unha modificación normativa que é moi prexudicial para a cadea mar-industria de Galicia e que pode provocar a desaparición de moitas empresas.
A titular de Mar en funcións lembrou que o Goberno central incluíu no seu proxecto de Lei de Cambio Climático un artigo que reduce a duración das concesións no dominio público marítimo-terrestre, polo que dificulta a continuidade de empresas que se asentan neste tipo de terreos, e subliñou que ese cambio normativo se incorporou “pola porta de atrás” en plena alerta sanitaria polo coronavirus, sen diálogo previo co sector e nun momento no que o Estado xa está a aplicar de xeito hiperrestritivo a normativa en vigor.
Por iso, Rosa Quintana urxiu unha rectificación do Executivo central e defendeu a importancia do sector do mar para Galicia durante a súa visita á empresa Viveiros Manuel Vicente Lomba, onde salientou que a comunidade conta con empresas do mar grandes e pequenas, pero todas fundamentais porque delas viven milleiros de familias. Neste sentido, subliñou a necesidade de traballar para que ás dificultades derivadas da crise do coronavirus non se sumen os provocados por esta reforma lexislativa, que pode xerar inseguridade xurídica e problemas de futuro a empresas próximas ao mar coma esta da Guarda, sobre as que o Estado xa manifestou a súa intención de sacalas da primeira liña de costa.