A Xunta pide formar parte do Convenio de transición xusta para As Pontes e Cerceda


O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, solicitou ao Goberno de España que Galicia poida formar parte do Convenio de transición xusta para as centrais térmicas das Pontes e de Meirama, en Cerceda. Segundo dixo, é necesario contar cunha folla de ruta coordinada entre as administracións, empresas e traballadores para salvagardar o futuro industrial de Galicia.

En resposta a varias preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Conde apuntou que a Xunta sempre vai defender ante o Goberno unha transición xusta que garanta a continuidade dos miles de postos de traballo que dependen das centrais de Cerceda e As Pontes, así como das plantas de Alcoa San Cibrao, Alu Ibérica, Navantia, Ence ou de toda a cadea mar-industria.

Nesta liña, indicou que na xuntanza que o presidente da Xunta mantivo a pasada semana coa ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, o Goberno comprometeuse a lanzar proximamente o proceso participativo para a elaboración do Convenio de transición xusta da zona das Pontes.

Con respecto á central das Pontes, logo de que os informes ratificasen que o uso de biocombustibles a fan viable técnica e ambientalmente, destacou que a Xunta vai seguir traballando xunto co Goberno e Endesa para impulsar agora a súa viabilidade económica a partir dos datos achegados polas probas.

Segundo dixo, unha mostra do compromiso da Xunta coa transición xusta é o Polo para a Transformación de Galicia, iniciativa coa que opta aos fondos europeos Next Generation e que, entre outros proxectos, recolle a creación dunha planta de hidróxeno verde nas Pontes e a instalación de 1000 MW de nova potencia renovable (eólica e solar) en Galicia.