A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu a implicación do Concello de Corcubión para reclamar do Goberno de España un cambio nos criterios de reparto dos fondos Next Generation de mobilidade que permitan a avanzar a un maior ritmo na execución de proxectos estratéxicos para o municipio.
Durante o encontro de traballo que mantivo este xoves co alcalde, Manuel Ínsua, Ethel Vázquez lembrou que os condicionantes que impón o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dificultan os investimentos nos municipios máis pequenos, ao primar aos concellos de máis de 50.000 habitantes. Isto, na práctica, supón deixar á marxe deste financiamento extraordinario ao 97,8% dos municipios galegos, entre eles, o de Corcubión.
Desta forma, complícase o desenvolvemento de actuacións estratéxicas nos municipios máis pequenos. No caso concreto de Corcubión, por exemplo, non é posible destinar fondos europeos Next Generation ás obras de mellora da seguridade na AC-445, como as que solicita o Concello, o cal dificulta a súa a execución.
Por este motivo, pediu o alcalde que se sume á declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’ á que xa se teñen adherido 153 concellos galegos. O obxectivo desta declaración institucional, que a Xunta xa remitiu ao Ministerio, é reclamar un reparto equilibrado dos fondos, para que tamén os municipios máis pequenos poidan impulsar actuación que favorezan o seu desenvolvemento e melloren a calidade de vida dos seus veciños. Ethel Vázquez remarcou que un cambio de criterios no reparto de fondos permitiría avanzar con maior determinación nas actuacións propostas desde o Concello na estrada AC-445.