O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na inauguración do obradoiro de emprego dual Reserva da Biosfera Emprego Verde 3, organizado por Abegondo e compartido con Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada, que formará a 20 persoas sen emprego durante 12 meses, en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares de xardinería, grazas a un investimento da Xunta de máis de 531.000 euros.
Trenor informou que o Goberno galego está poñendo en marcha, este ano, un total de 11 obradoiros de emprego na comarca da Coruña, cun investimento de máis de 5 millóns de euros, nos concellos da Coruña e Betanzos de emprego mozo; e en Cambre, Abegondo, Oleiros, Culleredo, Miño, Betanzos, Vilasantar, Arteixo e Irixoa duais. Estas accións van dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 212 persoas desempregadas.
Nestes talleres tiveron preferencia as persoas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego, en especial aquelas con especial dificultade para acceder ao mercado de traballo: emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións, parados de longa duración, maiores de 45, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, etc
Os alumnos e alumnas recibirán formación e disporán dun contrato de traballo e percibirán remuneración durante a súa participación nesta actividade, que se estende durante 12 meses. A Xunta subvenciona o 100 % do salario mínimo interprofesional (1.080 euros este ano), así como a totalidade das cotas por cada un dos participantes.