A Xunta pon en valor a efectividade das actuacións levadas a cabo en Carballo para previr asolagamentos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou Carballo este xoves e realizou un percorrido polas obras acometidas por Augas de Galicia na localidade, a conselleira incidiu en que o organismo autonómico investiu máis de 6,3 millóns de euros en cinco proxectos de grandes dimensións para mellorar a capacidade de desaugue do río e reducir asolagamentos na zona urbana de Carballo, que está identificada como área de risco potencial significativo de inundación (arpsi).

“Estas obras tiveron este ano a súa mellor proba de funcionamento xa que que as abundantes choivas destes días non provocaron asolagamentos en Carballo, o que mostra o éxito da actuación”, salientou Ángeles Vázquez.

En concreto, as accións, que se levaron a cabo a través dun convenio de colaboración co Concello, consistiron na construción dunha canle de derivación na zona do muíño do Quinto e na remodelación integral do parque de San Martiño así como da ponte da rúa Sol, onde tamén se creou unha canle de augas altas. A maiores, tamén foi preciso demoler unha ponte na rúa Fomento e unha edificación na rúa Sol.

Ademais, tamén se levou a cabo a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552 na rúa da Cepeira, o que implicou mesmo o corte dun dos accesos á autovía.

Segundo dixo a conselleira, o Goberno galego é consciente de que hai outros sitios de Galicia que necesitan deste tipo de actuacións e, de feito, xa están previstas accións en Sada, Valdecorvos (Pontevedra), Neda, Ponteceso e Viveiro, entre outras.

Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou tamén que Augas de Galicia está a traballar xa no Plan de xestión de risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa 2028-2033, que cataloga  172 áreas fluviais con potencial significativo de sufrir asolagamentos -dúas máis que no plan 2021-2027- e 566 quilómetros vulnerables nos ríos en caso de eventuais episodios de chuvia intensa e crecidas.

Related posts

A Garda Civil cre que a rotura do carril ou a soldadura foi a causa do accidente de Adamuz

A Laracha abre a inscrición no Programa Harmoniza da Semana Santa

Alingua, que preside o concelleiro carballés Ramón Varela, celebrou este xoves a súa asemblea ordinaria