O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, asistiron ao tradicional simulacro do Naufraxio, unha das celebracións máis singulares da Costa da Morte e Festa de Galicia de Interese Turístico, que se celebra no marco das festas locais de Laxe. Xosé Merelles destacou o valor destas tradicións como un reclamo turístico de primeira orde, porque permiten aos visitantes achegarse á identidade, á cultura mariñeira e ás raíces da Costa da Morte, mentres que Vázquez puxo en valor a vinculación da celebración co mar e coa memoria das comunidades pesqueiras.
A celebración ten lugar nun momento de forte crecemento turístico no xeodestino Costa da Morte. Ata xuño, os establecementos hoteleiros rexistraron 63.419 viaxeiros, un 16,9% máis que no mesmo período de 2025, e 122.482 noites, un 12,3% máis. O turismo internacional medrou especialmente, cun 22,9% máis de viaxeiros, mentres o mercado nacional aumentou un 14 %. Para a Xunta, estes datos evidencian o potencial dun destino que atopa nas súas festas, no patrimonio e na cultura mariñeira elementos diferenciais para seguir atraendo visitantes nacionais e internacionais.