O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo en valor a indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia, que no 2021 comercializou máis de 6.000 toneladas e obtivo un valor económico de máis de 3 millóns de euros. Fíxoo no seminario de mellora das técnicas de produción da pataca celebrado este luns no edificio municipal de usos múltiples de Coristanco, ao que asistiu.
Este encontro ten como obxectivo reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa, ao tempo que se busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos e instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización. Para iso, o seminario conta con charlas e mesas redondas nas que participan diversos expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa.
Durante a xornada deste luns abordáronse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. Tamén se intercambiaron experiencias entre o cultivo da pataca na Bretaña e nesta comarca e visitáronse diferentes parcelas co fin de adquirir novos coñecementos.