O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou este mércores na clausura do obradoiro dual e do programa integrado de emprego (PIE) impulsados polo Concello de Arteixo e que contaron cunha achega autonómica global de 632.000 euros en beneficio dun total de 120 persoas. Unhas persoas que —grazas a estas accións— recibiron formación e atoparon un emprego ou están en mellores circunstancias para atopalo en eidos con especial necesidade de traballadores como o da atención social.
En concreto, o obradoiro de emprego dual Arteixo Social 2024-2025 recibiu unha axuda de 412.000 euros por parte da Xunta para facer posible que —ao longo de nove meses— as 20 persoas participantes recibisen cualificación profesional, ao tempo que desenvolveron un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social.
Segundo especificou o conselleiro, a metade destas persoas formáronse na atención sociosanitaria a domicilio e a outra metade na atención a persoas dependentes en institucións. Así, tras os contidos que se lles impartiron no Centro Tecnolóxico de Arteixo, as primeiras traballaron no Servizo de Axuda no Fogar e as segundas no centro de día e residencial de Arteixo. González sinalou que este é un dos 87 obradoiros duais beneficiados das achegas autonómicas na convocatoria do ano pasado, na que se investiron máis de 36 millóns de euros. No caso da provincia da Coruña, concedéronse un total de 23 obradoiros nos que a Xunta subvenciona os gastos de posta en marcha e desenvolvemento do taller, así como os custos de contratación tanto dos participantes como do persoal directivo, docente e de apoio. Cómpre engadir que se prioriza a atención ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.
Programa integrado de emprego
Canto ao PIE de Arteixo, recibiu un apoio da Xunta de 220.000 euros, para unha acción dun ano de duración que rematará o próximo novembro. Nel participan 100 persoas en situación de desemprego, con especial atención tamén a colectivos prioritarios, co obxectivo de acadar a inserción dun mínimo do 45 %.
Segundo salientou o titular de Emprego, a formación transversal, idéntica para todos os participantes, céntrase no desenvolvemento de accións dirixidas á mellora profesional, en asesoramento sobre emprendemento ou en prevención de riscos laborais, entre outros. Isto complétase co desenvolvemento de formacións específicas de interese para a contorna, neste caso, de operario de almacén, atención ao cliente, operario de limpeza, xestión loxística e operario de fábrica.
O conselleiro enmarcou senllas iniciativas na colaboración imprescindible coas administracións locais a prol da empregabilidade, impulsando formación cualificada ligada ás necesidades concretas que ten cada territorio e promovendo a cobertura de vacantes.