O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, informou de que a Xunta presentou alegacións á proposta de poboación axustada do Ministerio de Facenda co fin de que se corrixa unha infrafinanciación anual que cifra en 802 millóns para servizos públicos fundamentais (sanidade, educación e política social). Tamén pide que se teña en conta o custo real da prestación dos servizos, condicionado no país polo envellecemento e a dispersión da poboación.
O conselleiro explicou que se presentan alegacións, nun documento dunhas 50 páxinas, ante esta proposta «parcial» do novo sistema de financiamento, xa que por agora o Ministerio de Facenda tan só se referiu á poboación axustada. Por iso, reclama que se convoque o Consello de Política Fiscal e Financeira para que se inicie de forma «rápida» o debate coas comunidades, mentres remarca que «sería interesante» ter unha perspectiva «global» e non só dunha pata do financiamento.
Corgos sinala que Galicia aposta por un modelo de custo que pase por que todos os cidadáns poidan ter acceso a uns servizos de calidade con independencia do lugar no que residan.