A Xunta presenta unha proposta de bonificacións das peaxes da AP-9

1 minutes read
Intervención do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou na rolda de prensa do Consello a proposta da Xunta de bonificacións das peaxes da AP-9, para que os 50 M€ consignados nos Orzamentos xerais do Estado para descontos nas peaxes desta autoestrada se traduzan nunhas bonificacións útiles e xustas, evitando o incremento de beneficios á concesionaria.

Así, durante a súa intervención, avanzou dúas das propostas da Xunta que se pretende contribúan a aliviar o peto dun amplo número de galegos, xa que AP-9 vertebra Galicia e é unha das autoestradas coas tarifas máis altas do país.

A proposta prima as bonificacións aos usuarios recorrentes, coa gratuidade da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen un sistema de telepeaxe, con independencia do día da semana que sexa. Ademais proponse aplicar un desconto adicional do 25% na ida para aqueles que volvan nun intervalo de 24 h, agás en domingos e festivos.

Por outra banda, a Xunta formula aplicar descontos do 60% en todas as viaxes, tanto na ida como na volta, para os vehículos pesados, pola especial consideración que merece o sector do transporte de mercadorías.