A Xunta prevé abrir este venres pola tarde un carril de circulación da ponte de Baio

1 minutes read

A intervención, unha vez colocadas e formigonadas as tubaxes en sentido Baio e Vimianzo, estase a centrar esta semana no acondicionamento do taboleiro da ponte para proceder ao pavimentado.

Segundo a programación dos traballos, este mércores efectuarase o formigonado da ponte e o xoves colocaranse as barreiras e disporanse os semáforos en ramais, coa fin de poder abrir un carril o venres a última hora da tarde.

A finais de setembro será preciso un novo corte de tráfico para estender o formigón nos apoios e dispoñer as novas lousas que permitirán a ampliación da ponte.

Esta actuación, ante as dificultades técnicas atopadas, fixo necesaria unha reorganización dos traballos e da circulación, da que, segundo a Xunta, foron informados puntualmente os alcaldes dos concellos de Vimianzo e de Zas.

Cómpre lembrar que co inicio dos traballos se comprobou que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e que, unha vez eliminado o firme, viuse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente. Isto obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, sempre tendo o coidado de non danar a estrutura.

Ademais, tamén se observaron dificultades para levar a condución de abastecemento polo lugar que estaba previsto inicialmente, xa que a fábrica da ponte (o interior do arco) non é regular. Para salvar esta dificultade, vaise elevar lixeiramente a plataforma da ponte, para pasar as conducións de abastecemento e eliminar, como estaba previsto, as conducións que discorrían ata agora pola parte exterior.