A Xunta prevé licitar en xuño o proxecto de ampliación do polígono de Bértoa

Foto.- Moncho Fuentes.

  • Unha necesidade demandada con intensidade tanto desde a asociación de empresarios como desde o propio goberno local, que pide unha axilidade urxente do aro de circunvalación ao casco urbano carballés para darlle saída ao tráfico pesado.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou este xoves nunha visita que realizou ao polígono carballés de Bértoa que o seu departamento licitará o vindeiro mes de xuño a redacción do proxecto sectorial necesario para poder incrementar en 554.000 m2 a actual superficie deste polígono, que unha vez completada pasaría a contar con preto de 1,8 millóns de m2.

A conselleira fixo tamén un balance sobre os resultados do concurso de solo empresarial convocado por Xestur o pasado mes de febreiro, onde segundo indicou, en Bértoa se venderon cinco parcelas que facilitarán o asentamento nesta área empresarial doutras tantas empresas pertencentes ao sector da madeira, do metal e vencelladas a diferentes actividades de carácter loxístico. En total, adxudicáronse máis de 12.000 m2 –o 22% de todo o solo adquirido ao abeiro do concurso de Xestur por un importe de 491.611,61 euros logo de aplicar unha bonificación do 50% sobre o prezo de mercado das cinco parcelas.

Grazas a estas operacións de compravenda, como indicou a conselleira, o polígono de Carballo atraerá novas empresas que contribuirán a mellorar a súa competitividade e a consolidar a súa actual posición como polo de desenvolvemento económico para a comarca, a provincia e a Comunidade. Neste sentido, referiuse tamén á actual demanda de máis solo industrial en Bértoa, unha área empresarial cun nivel de ocupación superior ao 80% e na que a Xunta ten previsto impulsar unha segunda ampliación.

Plano de ampliación_Xunta de Galicia.