A conselleria do Mar, Rosa Quintana, asegurou este mércores que a previsión da Xunta da Galicia é que se poidan reabrir «nas próximas mareas» as zonas de extracción de mexilla pechadas nas últimas semanas. Díxoo tras ser preguntada pola situación que vive o sector, logo de que este martes a Organización de Produtores do Mexillón de Galicia (Opmega), a cooperativa Amegrove e a Sociedade Cooperativa Mexilloneiros da Galiza (Socomgal) abandonasen a mesa de diálogo da mexilla que mantiñan coa Consellaría tras os últimos pechamentos de zonas decretados.
Tal e como explicou Quintana, no mes de febreiro adaptáronse os plans de explotación do percebe para poder abrir varias zonas novas de extracción de mexilla, que alcanzaban os 130 quilómetros de costa. En marzo, precisou, abríronse máis zonas, uns 22 quilómetros, tomando como base a orde que regula a extracción de mexilla. Foron estas últimas aperturas as que as confrarías recorreron e fecharon recentemente.
Agora os servizos xurídicos da Xunta entenden que a mellor forma de reabrilos é volver utilizar a fórmula de adaptar os plans de explotación do percebe, polo que o Goberno galego xa traballa niso, para que «nas próximas mareas» poidan reabrirse e, desta maneira, as organizacións do sector do mexillón volvan á mesa de diálogo.