A Xunta programa melloras nas instalacións deportivas de Laxe, Cabana e A Laracha


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez, visitaron a piscina municipal descuberta no Cabo de Area na que a Xunta investirá 20.000 euros para levar a cabo melloras e adecuación das súas instalacións. En total, o Goberno galego investirá no 2021 máis de 69.000 euros en tres actuacións na comarca de Bergantiños-Costa da Morte para mellorar as súas instalacións deportivas en colaboración cos concellos. No caso de Cabana de Bergantiños levarase a cabo o arranxo dos vestiarios do pavillón deportivo cunha axuda de 24.000 euros e na Laracha diferentes melloras nos seus pavillóns cunha achega de 25.000 euros.

Trenor destacou que no caso concreto de Laxe a axuda da Xunta permitirá o arranxo e adecuación da zona de praia da piscina, a reposición e arranxo da instalación da iluminación exterior, a reposición da porta traseira da caseta de instalacións, a substitución e reposición dos biombos de vidro que conforman o corta ventos na zona norte da instalacións, a reposición da base de ducha exterior e a substitución da reixa do desaugadoiro perimetral da piscina.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar a práctica deportiva nos concellos”. Segundo indicou “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.
Así, tamén apuntou que estes proxectos contan “coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto e da execución da mesma”.