A Xunta promove 11 funcións escénicas en Carballo, Vimianzo e Cee


A Xunta contribúe ás ofertas culturais dos concellos de Carballo, Vimianzo e Cee con 11 funcións escénicas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios ao longo do segundo semestre deste ano. Catro destas representacións, enmarcadas neste circuíto de exhibición cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades xunto ás 37 entidades locais adscritas, fornecerán a carteleira do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo.

Esta mostra teatral, que conta tamén co apoio da Xunta mediante a liña de axudas á organización de festivais de artes escénicas, celebrará este venres a súa xornada inaugural. Ese día, ás 18,00 h., o Pazo da Cultura de Carballo acollerá ás 12,00 h. a primeira destas catro funcións incluídas ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Tratarase, ademais, dunha novidade escénica: Galeatro Producións Escénicas presentará en preestrea Wombo Combo, espectáculo para o público familiar que leva a escena un texto da actriz e dramaturga Paula Carballeira.

Non será a única estrea que leve a carteleira semestral da Rede aoFIOT, xa que os días 7 e 8 de outubro, Mofa&Befa dará a coñecer con senllas funcións Pirolíticos, obra dirixida por Clara Gayo. Con esta montaxe, subvencionada a través das axudas á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais, comezará a xirar o dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira neste ano en que celebran o seu  30º aniversario.

Xa o día 12 de outubro, o Pazo da Cultura do municipio carballés recibirá o espectáculo Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro. Esta obra, escrita por Duncan MacMillan, abórdanse dende a comedia e a tenrura asuntos tan complexos como son a depresión ou a saúde mental.

Tres citas en Vimianzo

En Vimianzo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove nos meses de outubro e novembro tres representacións a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A primeira delas correrá a cargo da compañía Olivas Negras, que representará A familia real o 15 de outubro. Xa o día 29 do mesmo mes, Malasombra brindaralle ao público a súa peza De algo hai que morrer. Pola súa banda, o Grupo Chévere recalará en Vimianzo o 19 de novembro coa xira do seu espectáculo máis recente: N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Programa en Cee

Cee programará ata final de ano dúas funcións que, xunto as outras dúas que xa se celebraron en agosto, completan a oferta do circuíto de exhibición de espectáculos promovido pola Xunta no seu Auditorio Municipal. Se durante o verán esta localidade da Costa da Morte recibiu a Nelson Quinteiro Producións e Fulano, Mengano e Citano, no mes de novembro chegaralle a quenda á compañía La sonrisa del Lagarto, que representará o día 5 a súa obra para o público familiar La Mona Simona. Xa en decembro, o sábado 3, a formación Con de Tres Pés actuará coa súa peza Quen dixo medo?