A Xunta propón ao Concello de Sada o cambio de titularidade da avenida da Mariña


  • Sería para facilitar unha xestión máis adaptada ás súas características urbanas e ás necesidades do municipio.

Así o trasladou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na reunión de traballo que mantivo co alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, na que abordaron a posible transferencia, a prol do Concello, dos tramos urbanos das estradas autonómicas AC-162 e AC-163, para facilitar unha mellor adaptación do seu uso.

A transferencia destes dous tramos de características urbanas, que coinciden coa avenida da Mariña, permitirá ao Concello a xestión e a configuración desta vía, de modo máis acorde aos usos desta vía.

Neste sentido, concretou que o cambio de titularidade a prol do Concello deixaría sen efecto a aplicación da normativa autonómica de estradas, máis restritiva, evitando, por exemplo, as restricións da normativa autonómica de estradas nos usos ou actividades nas súas marxes, como neste caso ocorre coa zona de terrazas nesa contorna.

Francisco Menéndez explicoulle ao alcalde que para materializar o cambio de transferencia é preciso a solicitude por parte do Concello, para a súa posterior tramitación de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.