O conselleiro do Medio Rural, José González, propuxo este martes no Parlamento un pacto da Comunidade Autónoma de Galicia a prol dunha estratexia conxunta na loita contra os incendios forestais. Isto plasmaríase, segundo explicou, en que “afrontemos todos xuntos, Goberno, grupos parlamentarios, grupo de expertos designado polos propios grupos parlamentarios e membros do servizo contra incendios” este problema.
O conselleiro animou a todos a acadar un gran consenso sobre o particular, de forma que “teñamos a suficiente altura de miras para cumprir co mandato que nos deron os cidadáns que nos votaron: poñernos de acordo na solución dos seus problemas”, co obxecto de que non se empregue o lume como ferramenta partidista, remarcou. Fíxoo nunha comparecencia a petición propia para explicar os pormenores do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2019.
Así, José González salientou as principais novidades desta planificación anual, entre as que citou a posta en marcha dun teléfono gratuíto e confidencial de denuncia anónima para fomentar a colaboración cidadá fronte os incendiarios. Avanzou que o número deste servizo telefónico será o 900 815 085 e que estará operativo na época de alto risco de incendios.
Outros aspectos destacados do Pladiga, tal e como sinalou o conselleiro, teñen que ver co uso de tecnoloxías para a loita contra o lume e con melloras organizativas. Así, falou do emprego de drons tanto para as tarefas de vixilancia e detección como de apoio na extinción e investigación dos incendios. Por outra banda, salientou que se mellora tamén a vixilancia fixa, coa incorporación de 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa instaladas na Rede de videovixilancia forestal, polo que se disporá dun total de 118 repartidas por todo o territorio forestal galego. En canto aos medios e ao persoal, explicou José González, serán máis de 7.000 as persoas implicadas no operativo, contabilizando as da propia Xunta, da Administración do Estado e dos concellos, apoiadas por unha trintena de medios aéreos e por 360 motobombas, entre outros medios.