A Xunta propón o inicio do vindeiro curso escolar o 8 de setembro en todas as etapas

1 minutes read

A Xunta de Galicia proporá o vindeiro xoves na mesa sectorial adiantar o inicio do curso escolar ao 8 de setembro en todas as etapas. Deste xeito unifícase o calendario escolar, que ata o momento incluía diferentes datas para Infantil e Primaria das de ESO e Bacharelato e facilítase a conciliación da vida laboral e familiar.

Tal e como recolle o documento enviado ás organizacións sindicais, a proposta é iniciar as clases o 8 de setembro de 2022 e rematalas o 21 de xuño de 2023, salvo nas ensinanzas de réxime especial (que rematarían o 30 de xuño) e o 2º curso de Bacharelato (que se axustaría ao calendario da ABAU). Este cambio prodúcese tras a eliminación na nova lei educativa dos exames de recuperación en ESO.

Os períodos de vacacións escolares irían do día 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos inclusive, no Nadal; os días 20, 21 e 22 de febreiro para o Entroido; e desde o día 3 ao 10 de abril, ambos incluídos, para a Semana Santa.