A Xunta propón suspender novas plantacións de eucaliptos


O conselleiro de Medio Rural, José González, propuxo unha suspensión temporal de novas plantacións de eucaliptos en Galicia nas superficies nas que non se plantou ata o momento de adoptar esta medida, unha iniciativa a adoptar “da forma máis inmediata posible e co rango normativo necesario”. Así o expuxo na súa intervención no debate parlamentario do novo plan forestal da Xunta até 2040, que modifica o anterior texto de 1992, despois de que a superficie de eucalipto se multiplicase nos últimos anos sobre as previsións feitas. O conselleiro sinalou que o Grupo Popular realiza esta proposta de resolución no futuro plan forestal para a suspensión de novas plantacións de eucaliptos, polo que empraza a que se acade unha transacción cos grupos da Cámara.