A Xunta remitiulle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana tres alternativas viables que permiten o tráfico dos transportes especiais e evitan o tránsito de vehículos polo núcleo de Pedrafita ante o peche do viaduto do Castro na autovía A-6. Estas propostas, están consensuadas co Goberno de Castela e León, con ánimo construtivo de achegar solucións ante o que é un problema de índole nacional e con efectos económicos e sociais de envergadura.
Unha das propostas formuladas, é a que se considera máis idónea, pasa pola construción dun ramal de conexión entre a N-VI e a A-6, de modo que se poida volver á autovía tras pasar o viaduto do Castro e antes dos túneles de Pedrafita. Deste modo reduciríase o treito de tránsito pola nacional evitando, ademais, as molestias polo paso do tráfico pola travesía e permitindo a circulación dos transportes especiais. Ante a posibilidade de que un transporte especial se avariase na N-VI nun punto que bloquease a circulación, o tráfico poderíase desviar pola antiga N-VI. O custo estimado desta alternativa rolda os 1,4 M€ e estímase que podería estar operativa nun prazo de 3 meses.
A segunda alternativa consiste na execución dunha variante en Pedrafita, de xeito que os transportes especiais poidan transitar por ela e non atascar a nacional en caso de avaría. Con esta solución evitaríase o paso pola parte máis poboada de Pedrafita, aínda que ten a desvantaxe de que non se aproveitan os túneles da autovía. Esta opción tería un menor custo, estimado en 0,15 M€, e tamén menos prazo de execución, ao aproveitar os viarios existentes.
A terceira proposta, de construción sinxela e cun investimento mínimo que mesmo podería ser asumido coa conservación ordinaria, consiste en habilitar en dobre sentido de circulación o ramal de saída da A-6 dirección Galicia, de modo que os vehículos se poidan reincorporar á autovía antes dos túneles de Pedrafita, e viable tamén para os transportes especiais.
Con esta solución, poderíase habilitar o tráfico normal de vehículos, o que beneficiaría ao núcleo de Pedrafita, facendo que unicamente fosen os transportes especiais os que pasasen pola travesía, que podería ser na madrugada. Nestes momentos, e aínda que é posible que os transportes especiais atravesen a travesía de Pedrafita, non está permitido ante o temor dunha posible continxencia ao non haber alternativa de tráfico.