A Xunta proporciona un equipo de excarceración a Protección Civil de Muxía


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, fixo entrega este mércores dun equipo de excarceración para tarefas de rescate e actuacións en emerxencias ao Servizo Municipal de Protección Civil de Muxía. No acto tamén estivo presente o alcalde da vila, Iago Toba, así como varios membros da Agrupación Local de Protección Civil. Co novo equipo, valorado en 27.313 euros, o Goberno galego reforza o seu compromiso coas emerxencias e co persoal que traballa neste servizo. O obxectivo é que conten cos medios axeitados e necesarios nas súas intervencións.

A Agrupación Local de Protección Civil de Muxía leva traballando no municipio desde 1992. Conta con 52 voluntarios. Ante casos de grave risco, catástrofe pública ou emerxencias de todo tipo fan unha coordinación preventiva e operativa de persoas e bens para reducir ou evitar os danos. A súa actuación baséase nos principios básicos de solidariedade, gratuidade das actuacións e participación libre, responsable e altruísta. Calquera veciño maior de 16 anos pode ser voluntario de Protección Civil. No caso de ser menor de idade, necesita da autorización do pai/nai ou titor/a.

Entrega do material.

O material de excarceración entregado este mércores está destinado a atender accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas, así como calquera tipo de emerxencias de salvamento ou rescate onde sexa necesario empregar ferramentas hidráulicas de corte, separación, tracción e elevación. Consta dunha bomba ferramenta multifunción a batería, unha cizalla electro-hidráulica, un cilindro RAM electro-hidráulico, seis baterías, tres cargadores, tres alimentadores de cable e unha serra de sable con batería e cargador. Cómpre sinalar que se trata do primeiro equipo destas características que se dá na provincia da Coruña.

Segundo destacou Santiago Villanueva, a importancia do labor desenvolvido polos servizos de emerxencias nos concellos fai que o Goberno galego reforce de xeito continuo as súas dotacións, ademais de apoiar o seu mantemento. No caso da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Muxía, a Xunta destinou nos últimos anos preto de 148.000 euros, dos que a meirande parte, 98.000, se investiron en equipos, como unha embarcación, remolques, un furgón ou terminais con GPS, entre outros.