A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, detallou no Parlamento que a xestión da Consellería do Mar para axudar ao mantemento produtivo dos bancos marisqueiros “está avalada polo coñecemento científico e técnico” e baseada “na situación socioeconómica dos traballadores do mar”. A directora xeral iniciaba así a súa comparecencia, anticipando que os fenómenos meteorolóxicos producidos nos anos 2013-2014 e 2023-2024 provocaron un descenso do recurso marisqueiro de zonas como Camariñas, situación que, segundo remarcou Ángeles V. Suárez, levou á Administración autonómica a actuar con celeridade para compensar aos produtores as perdas sufridas.
Concretamente, e logo de que a confraría de pescadores da localidade informase á Consellería da minoración produtiva rexistrada na enseada da Vasa e na desembocadura do río Grande, a Xunta emprendeu accións específicas como a monitorización dos bancos, a remoción do substrato e limpeza das zonas indicadas, a toma de mostras de sedimento para a súa caracterización granulométrica, ademais da subministración de máis de 1.100.000 de unidades de ameixa -babosa, xaponesa e fina- desde o 2022 ata o 2025. Toda a semente procedente do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), do minicriadeiro do Vicedo e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Asemade, e de xeito adicional a estas sementeiras, no período 2015-2025 financiouse a liberación de case 6 millóns de unidades de ameixa na superficie explotada por este pósito.
Esta intensa colaboración que “xorde do diálogo e o consenso co sector”, verase apoiada este ano coas dúas novas ordes de axudas publicadas a comezos de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG). Contan cun investimento 2,2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e están destinadas á restauración da biodiversidade e á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perdas de produción, procurando unha mellora da xestión e conservación sustentable dos recursos mariños.
A directora xeral avanzou que, en paralelo, xa se está a tramitar a adaptación do plan de xestión consistente na suspensión da actividade, solicitado polo pósito, así como a posta en funcionamento doutras axudas e iniciativas ás que esta confraría tamén se pode acoller. Trátase das achegas para proxectos colectivos de pesca costeira artesanal e a encarga a medio propio no marco do proxecto de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. As primeiras, dotadas con 6.570.000 euros e, as segundas, con 1,5 millóns. Por outra banda, as mariscadoras da zona tamén se poderán beneficiar da prestación por cese de actividade como traballadoras que cotizan no Réxime Especial de Traballadoras do Mar.
Explotación ameixa e ameixón en Corcubión
No referente á posibilidade de explotar a ameixa e o ameixón na ría de Corcubión coa técnica de mergullo con subministración de aire en superficie, Suárez trasladou que os datos evidencian o bo funcionamento do sistema actual, pois os mergulladores dos pósitos de Corcubión, Fisterra e Lira aumentaron os seus ingresos en máis dun 200 % no período 2016-2025 en comparación co período 2011-2015.
A este respecto, tamén indicou que non hai solapamento de recursos, en tanto en canto a explotación a pé de ourizo ocorre na zona intermareal, mentres que o mergullo funciona na zona submareal, polo que, engadiu, ”non hai conflitos de uso e existen alternativas viables no marco actual”. Ademais, explicou que a normativa posibilita outras vías de aproveitamento de recursos xerais que non requiren modificacións do sistema de xestión existente.