A Xunta realiza actuacións preventivas en montes de Vimianzo e Camariñas

1 minutes read

No concello de Vimianzo realizáronse actuacións de mellora de pistas forestais no monte Coto de Gándara para que os medios do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais teñan un mellor acceso ao monte. As obras consistiron en movementos de terra e baleirados, así como desmontes, execución de gabias e foxos, reparación de camiños con maquinaria, cunha inversión de case 17.500 euros. euros. Nos montes de Montecelo e Piñeu realizáronse rozas manuais e mecanizadas de matogueira, clareos, podas e trituración de restos nunha superficie de 42 hectáreas, por valor de case 52.500 euros.

No tocante aos traballos realizados en Camariñas, localizáronse nos montes da Ínsua, Curbeiro e Cusiñadoiro, todos eles en zonas de alto risco de incendios (ZAR). As obras consistiron na limpeza dos montes e na realización de labores silvícolas, tales como roza mecanizada, podas, recollida e apiado dos restos e a súa posterior eliminación nunha zona de 60 hectáreas. O custo destas actuacións superaron os 48.000 euros.

Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural.