A Xunta recibe 11 ofertas de empresas para a execución das obras de prolongación da autovía da Costa da Morte

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistía o pasado mes de xaneiro ao acto de licitación da prolongación da autovía da Costa da Morte. en Santa Irena (Vimianzo)_David Cabezón.

A Xunta vén de recibir 11 ofertas de empresas para a execución das obras de prolongación da autovía da Costa da Morte, no treito entre Santa Irena, no municipio de Vimianzo, e a estrada AC-432. O Goberno galego licita estes traballos por máis de 36 M€.

Ademais, a Xunta recibiu 13 ofertas para o contrato de servizo para o control e vixilancia, seguimento ambiental e arqueolóxico, e coordinación da seguridade e saúde da obra, licitada por 1,3M€.

Con esta actuación prolongarase o tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no ano 2016, con case 28km libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

A nova intervención abrangue 5,8 novos quilómetros de estrada, ata a intersección coa AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas. Este treito construirase sobre unha traza con parte do movemento de terras xa executado.

As obras incluirán a construción de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe. Cabe sinalar como estrutura máis singular do proxecto o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna, entre os puntos quilométricos 7 e 7,2.

Related posts

A Xunta instala paneis divulgativos sobre o risco de inundación en Vimianzo, Zas e Carballo

Arde unha lancha no porto de Camariñas

O arranxo da estrada á Pedra do Sal, en Carballo, está máis preto de ser unha realidade